blog de cultura clasica rebeca

lunes, 1 de junio de 2009

Historia da Lingua Galega

Volta á casa

O latín

Do latín ao galego-portugués

Época Medieval

Os Séculos Escuros

O Rexurdimento

Os primeiros anos do século XX

A posguerra e as últimas décadas do século XX

Os nosos días: Século XXI

O latín

Os romanos comezan a conquista de Hispania durante a Segunda Guerra Púnica, mais esta conquista foi lenta pola resistencia xeográfica e a dos indíxenas. En Galiza, a romanización ten tres etapas:

a) Penetración e prospección:

Bruto entra na Galiza na guerra contra os lusitanos atravesando o río Limia, o río do “esquecemento”, tras ocupar algunhas cidades costeiras. Esta primeira etapa foi militar e non se buscaba o asentamento definitivo, limitando a súa presenza ao sur da Gallaecia.

b) Sometemento:

Trala expedición de Bruto, as sublevacións eran continuas, polo que César, xunto coa busca de novas rutas e riquezas, decidiu enviar unha expedición marítima que o leva a Brigantium, conseguindo o sometemento das tribos en terras baixas. De todos xeitos, a Gallaecia continuaba a se sublevar.

c) Asentamento:

Para rematar coas sublevacións dos pobos indíxenas, Octavio Augusto enviou unha serie de expedicións militares, que tras varios enfrontamentos, acabaron por dominar ás tribos que van dende a Galiza até o Euskadi actual.

Os pobos do norte adaptáronse aos costumes romanos a nivel de organización e cultural, como se pode observar nos nomes de persoa e de deuses célticos. Os soldados latinifican todo ao seu paso, explotan as minas, constrúen redes viarias, núcleos urbanos,...

Administrativamente, Gallaecia divídese en tres conventus: asturicense, lucense e bracarense; pertencentes á provincia de Gallaecia.

Con estes feitos, impúxose tamén a lingua vehículo dos romanos: o latín. A implantación non foi automática. De feito, houbo un bilingüismo durante moito tempo que acabou coas linguas prerromanas a excepción dalgunhas verbas. Ao primeiro o latín empregábase para relacionarse cos romanos, mais pouco a pouco, e xunto coas súas características (a saber: oficialidade, lingua escrita, lingua de ensino, lingua cunha cultura por detrás) foi gañando terreo en todos os ámbitos da vida, desprazando á lingua indíxena e formando o latín vulgar coas súas variedades dialectais.

A distancia de Gallaecia con Roma e outros centros culturais fixeron que o dialecto empregado nesa zona mantivera as características do latín dos conquistadores desta terra (latín da zona Baética, que era un latín arcaizante e purista). Características que se mantiveron con respecto a outras linguas foron, por exemplo, o uso de ou (que vén de au), o de cuius (cuxo), etc. O latín galaico será practicamente igual ao hispánico até o século VI d.C., onde comezan a se diluíren os elementos cohesionantes (unidade política, influencia da escola, administración unitaria,...) que mantiñan a comunidade lingüística, dando lugar ás linguas romances de toda Europa.

Do latín ao galego-portugués

As linguas de substrato, que eran diferentes e orais, desapareceron ante a chegada do latín, deixando unicamente algúns restos. No século V d.C. xa todo o NO ibérico falaba o latín vulgar, que era oral, popular e relaxado, respectando pouco o latín culto.

A chegada dos xermanos apenas alterou a sociedade e a lingüística do país, e a ruptura do Imperio Romano esgazou as comunicacións, provocando que en cada zona o latín evolucionase dunha determinada maneira.

A cousa cambiará coa chegada dos musulmáns no 711 á Península Ibérica, conquistando toda a península agás uns núcleos de resistencia cristiá, núcleos que esixirían e levarían a cabo a "Reconquista", afirmando seren herdeiros lexítimos da monarquía toledana.

O latín vulgar terá como resultado na península o nacemento de varias linguas: o galego-portugués e o astur-leonés no occidente; o castelán no centro; e o catalán e navarro-aragonés no oriente.

Cando se levou a cabo a Reconquista, as terras reconquistadas precisaban seren poboadas, polo que a variedade idiomática do Norte (que foron as que se desprazaron) influíu na lingua mozárabe e nos musulmáns que quedaran. As linguas fóronse estendendo pola península: o catalán por València e parte de Murcia, o galego-portugués avanzou até o Algarve, e o castelán estendeuse ao sur polo resto da Península. O astur-leonés e o navarro-aragonés tamén se estenderon cara o sur, aínda que en menor proporción.

No occidente, a unidade do latín hispánico rompe coa chegada árabe, e así, entre os séculos IX e XII xorde o galego-portugués. O galego-portugués comezou a aparecer de forma escrita polo século XI, fronte á lingua oficial, o latín, até se converter no século XII na lingua poética peninsular por excelencia.

As innovacións deste período son:

Palatalización dos grupos latinos PL-, CL- e FL-, dando lugar a CH-.

Caída do –L- e do –N- latinos.

O galego-portugués: O Medievo

Portugal, ou mellor dito, o que era o Condado Portucalense, independizárase do reino galego pola tensión política (fora entregada a Henrique de Borgoña coma feudo); polas ansias de poder dos nobres e polo achado do sepulcro do Apóstolo Santiago, que convertera a Compostela nun lugar con crecemento económico, cultural e político en prexuízo das dioceses tradicionais coma a de Braga. Esta separación política entre a Galiza e Portugal apenas afectou á forte unidade do galego-portugués, que viviu unha época dourada. Distinguimos dúas etapas na época medieval con respecto á evolución do galego-portugués: o período trobadoresco (século XII-metade do XIV) e o galego medieval posterior (metade do XIV-fins do XV).


Poesía de Martín Codax

O período trobadoresco, que comeza no século XII, conta cun galego-portugués que é a lingua poética por excelencia da península (cantigas ou crónicas), lingua de prosa e didáctica e de carácter particular (testamentos, pregóns,...). O galego do norte avanza cara o sur impoñéndose aos mozárabes, converténdose na lingua escrita común, como podemos observar nos cancioneiros, cuxa lingua neutralizaba diverxencias.

O galego medieval posterior, caracterízase pola separación do galego e o portugués. Ao ampliar o territorio cara o sur, a influencia mozárabe daría lugar a cambios da lingua respecto da variante norteña, provocando a separación. O portugués estenderase fóra das súas fronteiras. O galego vivirá nun ambiente rural e dialectal cunha gran influencia do castelán debido á vitoria de Henrique de Trastámara sobre Pedro I de Castela, co cal se permitiu a chegada de nobres de liñaxes foráneas que impoñen o castelán. Esta colonización rematará cos Reis Católicos no século XV.

A escola literaria galego-portuguesa desaparece e comezan a agromar diferenzas entre galego e portugués, como o uso de oi, por parte do primeiro, en vez de ui; a vacilación b/v; a vacilación ortográfica na representación das consoantes sibilantes xordas e sonoras; o alterne entre che e te; o alterne do uso en verbos de –sche e –ste; ou os cambios gráficos, como o uso do portugués de nh e lh, fronte a nn e ll do galego.

Así e todo, o galego e o portugués seguen a teren unha base común e son realidades próximas.

Os Séculos Escuros

Se ben o galego (galego-portugués) tivera dende o século XII até a metade do XIV unha época de esplendor, do século XV ao XVIII viviu a súa decadencia.

No século XV

Isabel a Católica venceu a Xoana a Beltranexa, o que supuxo a posta en marcha da centralización castelá, que xunto coa destrución da sociedade debido ás Guerras Irmandiñas e a eliminación da nobreza contestataria, levaría á decadencia do galego.

Os Reis Católicos levan a cabo a centralización coa posta en man do poder político-militar, a Administración e o clero para os personaxes foráneos que continúan o labor castelanizador de Henrique de Trastámara. Estes personaxes non falan galego, e a Administración e o clero fan uso do castelán, co que se traerá o desprestixio do galego pasando a ser só de uso oral, privado e familiar.

Nos séculos XVI e XVII

Nestes séculos, aparecen as primeiras gramáticas e dicionarios das linguas romances esixidos polo espírito Humanista. O galego non posuirá a súa primeira gramática até o século XIX. Outro factor que favoreceu a difusión das linguas romances foi a imprenta, mais no caso do galego, isto prexudicouno, pois as clases consumidoras e produtoras de cultura non falaban galego, quedando este relegado á xente iletrada e á fala.

A nobreza e o clero non son galegos, e o castelán abarca os notables laicos e eclesiásticos, os cales obrigan o uso do castelán nas súas relacións. Era así Galiza unha provincia estraña, descoñecida e remota coma as Indias, sen voto nas Cortes, gobernada por estraños, con epidemias e fame periodicamente e desangrada polas guerras e as levas de soldados. Todo isto provocou unha depauperización lingüística e o afastamento do idioma do mundo da cultura escrita, da Administración, da vida eclesiástica, científica, etc.

No século XVIII

No século XVIII tivo lugar a Revolución Industrial, que daría lugar á mecanización dos instrumentos de produción, á división do capital e o traballo e á aparición da fábrica. Os galegos, na súa inmensa maioría labregos, viron como fonte de riqueza a extensión de zonas cultivadas e a introdución do millo e a pataca. Os intereses desta agricultura provocaron a chegada dunha burguesía foránea (cataláns, vascos, maragatos, casteláns,...) que usan o castelán como lingua de relación. A isto únese a chegada do centralismo desenvolvido polos Borbóns en toda materia, e por suposto, en materia lingüística. O castelán aumenta a presión sobre o galego, e o ensino debe ser impartido obrigatoriamente en castelán.

Ao mesmo tempo, xorde a preocupación pola marxinación e o atraso de Galiza da man dos Ilustrados, e créanse as "Sociedades Económicas de Amigos del País", a "Academia de Agricultura del Reino de Galicia" ou o "Real Consulado del Mar".

A nivel lingüístico certos ilustrados reclaman a atención ao galego. O Padre Sarmiento reclama o uso do galego no ensino e o ensino do galego; o cura de Fruíme fai uso do galego na súa poesía; o Padre Feixoo defendeu o idioma recoñecéndoo como lingua e non coma dialecto; etc.


Frei Martín Sarmiento

Nestes séculos, o galego medieval cambia con respecto ao moderno, co cal se diferenciará máis do portugués. Estes son:

1. A nivel fonético

Desaparición da nasalidade vocálica: irmãas>irmás

Mantén a integridade das vogais átonas, mentres que o portugués chegan a perderse por relaxación.

Xeneralízanse os ditongos ou, oi e ei.

Enxordecemento e redución do sistema de sibilantes.

Mantense sen palatalizar o /s/ implosivo.

O /ĉ/ (/t∫/) mantén en galego o seu valor africado, mentres que no portugués pasa a prepalatal fricativa xorda /š/.

2. A nivel morfosintáctico

Distínguense os pronomes te/che fronte ao único te portugués.

Distínguense as formas lle/llelo, mentres que no portugués só hai lho.

Xeneralízase o uso da terminación -che para a 2ª persoa dos perfectos, a de –o para a 3ª persoa dos perfectos fortes, etc.

3. A nivel léxico

A invasión do castelán introduce numerosos castelanismos. Danse lugar ás variedades dialectais que se forman nesta época: seseo, gheada,...

O Rexurdimento: Século XIX

Coa Revolución Francesa, o Estado Español acaba coas estruturas do Antigo Réxime e introduce, aínda que de forma lenta, o liberalismo e o capitalismo político. Co triúnfo do liberalismo comeza unha nova época de centralización e uniformización que reordena o territorio e desenvolve a administración municipal. Galiza pasou de ter sete provincias, a ter catro divididas en aproximadamente trescentos concellos, grazas a Javier de Burgos, en 1833. Foi nesta época cando O Bierzo, As Portelas e o Eo-Navia quedaron fóra da administración galega de xeito definitivo. A uniformización trae consigo un sistema tributario e lexislativo común, e unha única identidade lingüística: o castelán.


Don Nicomedes Pastor Díaz

A sociedade galega non posúe industrias, pois é predominantemente rural, e as que hai (pesca e conserveiras) están nas mans dos cataláns. Ao igual ca nos séculos anteriores, as camadas máis importantes da sociedade (burguesía urbana, fidalguía rural, clero e exército) seguen a faceren uso do castelán.

A nivel lingüístico o castelán cobra importancia na sociedade, en especial na urbana, que xa é bilingüe; e comeza a se considerar o galego un idioma pouco fino e bruto. Aínda así, o galego segue a ser empregado pola poboación rural galega como lingua de relación e instalación grazas ao carácter rural e á deficiencia do aparello educativo do Estado.

Co levantamento antifrancés, xorde a conciencia, aínda que feble, da singularidade de Galiza, que dará lugar na década do 1840 ao galeguismo. Este movemento levado a cabo por universitarios que estudan a lingua e a súa historia, procede da fidalguía liberal. Algúns deles foron Francisco Añón, Neira de Mosquera, Rúa Figueiroa ou Antolín Faraldo. Crean faladoiros literarios e liceos e transportan as súas ideas e preocupacións á prensa. O galego emprégase como lingua escrita culta, e aínda coa posición dominante do castelán, créase unha actitude lingüística que observa a validez do galego para os mesmos ámbitos có español. Sobre o 1850, o galego xa se toma coma lingua literaria, aínda que basicamente poética.


Don Francisco Añón

Tras esta primeira promoción seguiulle outra (Vicetto, Murguía, Pondal) que se dan a coñecer entre 1854 e 1868, e que á parte da súa actividade literaria participan na política, apoiando ao Rexionalismo, que intenta descentralizar o Estado e facer recoñecer Galiza coma un territorio cunha historia e linguas propias. Con esta actitude xorde o Rexurdimento na década do 1860, mais perfeccionado nos 1880 coas figuras de Pondal, Curros Enríquez e Rosalía de Castro. A vontade de recuperación do galego como idioma culto, amplía o uso do idioma da poesía á prosa, teatro, narrativa, ensaio, etc.


Dona Rosalía de Castro

A preocupación polo idioma leva á creación dunha gramática e de dicionarios, xunto coa prensa en galego, coma o quincenal O Tío Marcos d'a Portela de Lamas Carvajal. Estes autores ignoran a tradición medieval do galego, e carecen de normas ortográficas e lingüísticas para confeccionalo, polo que, ao botar man da lingua falada, será un galego dialectalista cuxos autores escriben dependendo de como se fale na súa comarca. Os problemas ortográficos eran solucionados mediante a norma ortográfica castelá, a excepción de sons exclusivamente galegos, sobre os que había gran vacilación. Tal é o caso da nasal velar intervocálica ou a fricativa palatal xorda. Tamén era frecuente o uso de apóstrofos e guións na escrita.


Don Benito Vicetto

De todos xeitos, os escritores son conscientes da necesidade dunha lingua única e estándar que supere dialectalismos, polo que crean o interdialectalismo, que mestura fórmulas de todo o territorio. Con esta diversidade, promulgouse a necesidade dun criterio unificador que tivese unha institución que defendese e depurase o galego. O resultado foi a Real Academia Galega en 1906, aínda que o seu traballo non foi o soñado polos que promoveron a súa fundación.

Os primeiros anos do século XX

O galego foi desenvolvido coma lingua literaria polos primeiros ilustrados que reivindicaron o seu uso, mais este seguía a non ser utilizado no ámbito público, o científico ou a correspondencia privada. Os intelectuais e o pobo afástanse a nivel literario e lingüístico, e a lingua é usada como mostra da identidade dun pobo. Con todo, non se reivindica coma única lingua de uso en todos os aspectos da vida.


Castelao

O salto cualitativo no uso da lingua, dáse a primeiros do século XX coa rendición de foros e a conciencia do campesiñado, o cal dará paso ao rexionalismo e ao nacionalismo, ao cales está unido o idioma e determinará a identidade colectiva e o seu uso público, levado polas Irmandades da Fala. Coas Irmandades da Fala, acábase a diglosia a nivel cultural e as súas manifestacións. O seu obxectivo é defender e dignificar o uso do idioma. A primeira fúndase na Coruña en 1916, á que lle seguen outras moitas en varias cidades galegas. Tamén dan vida ao decenario A Nosa Terra.


Don Manuel Murguía

As Irmandades da Fala, constituídas por importantes personaxes coma Castelao, Cabanillas, Viqueira ou Risco en 1918, levan a cabo a "I Asemblea Nazonalista Galega", co que pasan do plano lingüístico, sen abandonalo, ao político, co obxectivo de recuperar política, social e economicamente á Galiza. Nas eleccións de 1918-1920 tiveron un gran fracaso, e comezou unha crise que separaba os que eran partidarios da opción política e da cultural. En 1922, as Irmandades da Fala desfanse grazas á cabeza culturalista de Risco e á prohibición da práctica política na Ditadura de Primo de Rivera.


Don Vicente Risco

En 1920 créase a revista Nós, integrada por Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Blanco-Amor, Castelao e outros, que ten como obxectivo a difusión e a posta en día da cultura galega. Para actualizar e universalizar o galego, os homes de Nós, acollen a autores estranxeiros, fan traducións, publican noticias doutras literaturas, expoñen a creación de novos literatos e preocúpanse por todos os campos da ciencia e as letras. Coa demostración da validez do galego en calquera ámbito da realidade, Nós serviu de fouce coa que abrir o camiño que leva á conquista de ámbitos literarios practicamente vedados até o de agora, coma o ensaio ou o tratado científico.


Don Ramón Otero Pedrayo

No terreo de amplificación e potenciación do uso do galego na prosa científica e técnica, xurdiu en 1923 o Seminario de Estudos Galegos, levado a cabo por mozos universitarios (Carvalho Calero, Bouza-Brey, Fraguas, etc.) que desenvolveron toda a súa actividade na lingua galega, e aos que se lles uniron membros de Nós. É preciso saber a historia, a xeografía, a literatura, etc. que dese aos galegos a conciencia da súa personalidade e se fixera uso do galego no ensino.

Coa república de 1931, o galeguismo cobra importancia e créase o Partido Galeguista en Pontevedra, formado por xente nova (Alexandre Bóveda, Paz Andrade, etc.) e xente de Nós. O P.G. pretendía a autodeterminación de Galiza co Estatuto de Autonomía aprobado en 1936. O idioma galego era empregado polo P.G. en todo ámbito, pero os outros eran hostís a el, polo que se engadiu un artigo no Estatuto no que se admitía o uso bilingüe na Administración e o ensino, centrándose no galego en niveis superiores. A oficialidade viña de camiño. Foi aprobado en 1936, pero o levantamento militar que provocou a Guerra Civil Española impediría a súa posta en práctica.


Don Alexandre Bóveda

O mundo literario conmocionouse ao atopar as raíces medievais do galego, co que se comezaron a encher os baleiros léxicos e a rexeitar formas que se tomaban por enxebres e que non eran máis ca vulgarismos. Tamén se produce un achegamento ao portugués, e os escritores chegan a un supradialectalismo. As súas características son o intento de eliminar calquera castelanismo, o uso de formas restauradas do portugués, solucións da tradición literaria, etc. Mais tamén coa actitude diferencializadora do castelán se deron lugar aos hipergaleguismos e ás pseudoevolucións. É así o galego, unha lingua afastada da práctica falada e lingua de laboratorio, que continuará na posguerra.

A posguerra e as últimas décadas do século XX

Trala Guerra Civil Española, finalizada en 1939, a orde franquista impide calquera manifestación cultural, política ou lingüística. Todos os medios e institucións usarán exclusivamente o castelán. A revista Nós, o Seminario de Estudos Galegos e Céltiga, censúranse e péchanse con fusilamentos. Os autores galegos, fusilados ou exiliados, non podían publicar as súas obras ao non haber casas editoras, polo que o fixeron en América: os actos literarios e presentación de libros fixéronse case todos en Buenos Aires. Isto aconteceu dende 1939 até 1950. En 1950 (ano da morte do mestre e guieiro Castelao), o réxime abriuse de certa maneira e saíu á luz a Editorial Galaxia en 1951. Composta por antigos activistas políticos galeguistas, coma Otero Pedrayo ou Ramón Piñeiro, editan libros en galego de campos aínda inexplorados e unen as xeracións anteriores coas novas.


Don Ánxel Casal

Galiza recupérase pouco a pouco e, especialmente nos anos sesenta, xorden institucións, asociacións culturais, conferencias, libros, artigos, etc. que se opoñen ao franquismo e recuperan a lingua. Incluso houbo manifestacións e folgas obreiras e estudiantís. Reactívanse o Partido Socialista Galego e a Unión do Povo Galego que esixen a autodeterminación de Galiza, dependente economicamente de España, e desexan establecer a lingua galega coma lingua de Galiza denunciando a situación de bilingüismo. Estes partidos foron moi importantes, xa que provocaron a creación doutros novos e conseguiu que, mesmo os partidos estatais, se decataran da situación de Galiza.

Cando morreu o ditador Franco en 1975, e coa aprobación da Constitución de 1978, outorgouse a Galiza un Estatuto de Autonomía (creado en 1980, aprobado no 1981) e institucións propias que enmarcarán o galego no marco xurídico-legal.

Hoxe en día, o galego é usado nos máis variados ámbitos, aínda que non en todos, xa que nalgúns é só testemuñal e incompleto, como a Xustiza, e aínda lle quedan barreiras que superar para chegar á recuperación total.

O galego desta época apenas variou con respecto ao de épocas anteriores, salvo retoques gráficos coma a eliminación de guións e apóstrofos. O galego mellora nos anos sesenta e setenta. Incorpórase o estudo de Lingua e Literatura Galegas na Universidade, créase o Instituto da Lingua Galega, gramáticas, manuais, etc. e hai unha concienciación tanto individual como colectiva.

Aparecen tamén propostas de normas ortográficas serias, coma a publicada en 1970 pola Real Academia Galega, Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, de acordo con Galaxia. En 1977, unha reunión convocada polo ILG, crean as Bases prá unificación das Normas Lingüísticas do Galego, que máis tarde, xunto coas Normas de 1971, o ILG e a RAG daría lugar ás normas ortográficas e morfolóxicas que adopta a Xunta de Galicia dende 1983. Fronte a esta proposta, atopábanse e atópanse a independentista e a reintegracionista que non estaban a favor. A independentista está a favor dunha norma que se diferencie do galego e do portugués, e a reintegracionista está a favor da uso do portugués para obter o chamado galego-luso-brasileiro.

Séguese avanzando na creación da normativa do galego, creando pequenas modificacións cada certo tempo que o aproximan á realidade portuguesa e á nosa mesma. As últimas foron a de 1995 e a do 2003 (esta última coñecida coma a Normativa de Consenso).

Os nosos días: Século XXI

O galego de hoxe en día, xa en pleno século XXI, está nunha situación xeral de crise. A pesar dos esforzos por recuperar o idioma e a promoción por parte dos sectores culturais e intelectuais, a fala perde cada vez máis falantes e xa entrou na lista de linguas en perigo de extinción da UNESCO. A poboación galega, maioritariamente anciá, está a caer en número de forma vertixinosa, e con ela o número de falantes. A novas xeracións non empregan o galego en ningún ámbito e o número de monolingües en castelán aumenta de xeito alarmante. A Xunta de Galicia non ten un bo programa lingüístico, pois defenden o bilingüismo harmónico, dous termos incompatibles e contraditorios, que está a derivar nunha clara posición de decadencia do galego.

As cidades galegas xa non usan o galego. A situación é traumática e irreparable en cidades como A Coruña e Vigo. Tamén desaparecen os falantes en Ferrol, Pontevedra, Lugo e Ourense e tenden a unha situación semellante ás anteriores. De forma máis moderada, aínda que progresiva, perde falantes Santiago de Compostela. Mesmo os núcleos urbanos pequenos (de 5 000 habitantes ou menos, como Negreira) perden falantes. O fenómeno estase a estender progresivamente xa non só á xuventude das pequenas vilas, senón que chega á rural (algúns concellos rurais son os derradeiros bastións dos monolingües galegos). Aumentan os monolingües en castelán e diminúen os bilingües. Os monolingües galegos existen, pero cada vez son unha especie máis rara. Os monolingües en castelán falan cada vez mellor o castelán, aínda que a inmensa maioría fala un castelán fortemente influído polo galego e con formas e léxico galego. Este castelán cheo de galeguismos e que mantén o acento galego é o chamado castrapo.

A situación aínda está a tempo de corrixirse nas vilas e no rural, mais de seguir a actual tendencia, en cuestión de dez anos, a situación non terá volta atrás. É preciso unha política lingüística eficaz. Estímase que en vinte anos (2020-2025) o galego só será falado polo 18% da poboación, e que seguirá a perder falantes até a súa desaparición.

A situación tamén se estende ao Bierzo, ao Eo-Navia e ás Portelas de forma máis alarmante, pois alí o galego non ten ningún tipo de protección oficial fronte ao castelán. De todos xeitos, hai algunhas organizacións que intentan salvalo da queima, aínda que cada vez teñan menos forza por falta de medios.

Como podemos ver, a situación é moi grave e case me atrevería a dicir que xa non se pode amañar. De todas formas, quedan sectores minoritarios da sociedade moi concienciados que empregan e defenden o galego. Eles son a última esperanza do galego, idioma antigo e nobre, noutrora idioma por excelencia da Península Ibérica e lingua de culto e literaria empregada por reis e xente de poder, lingua de trobadores, de sabios e do pobo. Noutrora, hoxe, a nosa lingua.

Como exemplo da situación actual vou escribir a continuación un artigo dunha lectora do xornal "La Voz de Galicia", o día 12 de Outubro do 2003, na páxina número 8. A lectora, de nome Mercedes González González, comenta o seguinte: "Yo soy gallega. Ello no implica que por esa razón entienda el gallego. No me gusta cuando voy a leer algo que esté escrito en gallego. Me parece una falta de respeto hacia mi persona. Creo que cuando alguien te habla, y quiere hacerlo en gallego, procede la consabida pregunta "¿entiendes el gallego?". Pues bien, con la escritura sucede lo mismo. ¿Por qué razón algunos periodistas escriben sus artículos en gallego? ¿Les ha autorizado el lector a hacerlo? Señores míos, cuando compro el periódico me revienta tener que quedarme sin leer todos los artículos escritos en gallego. Me gustaría, puesto que hago un desembolso de casi dos euros, poder leer todo lo que se publica. No puedo. ¿Es justo?". Esa mesma lectora, dúas horas despois de ter escrito o anterior correo electrónico, envía outro engadindo: "No quisiera que el comentario que hice molestase a nadie". Xulgade vós mesmos. Eu xa o fixen.

Eu, Ramón Pais Pazos, natural de Esparís, unha aldea da parte alta do Concello de Brión, como alguén concienciado coa situación actual do galego, decidín crear esta web (Cousas: O teu portal galego) e, dende aquí, facer algo a prol do galego. Dou ánimos e apoio a todos aqueles que, coma min, defenden o galego e o empregan, a todos aqueles que viven o día a día defendendo a nosa cultura, a todos aqueles que viven o galego neste labirinto escuro e de final incerto. A todos eles, a todos nós, ÁNIMO E ADIANTE!!

Volta á casa

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio